O papel do KKE na loita pola igualdade das mulleres e polas súas necesidades actuais.

quote-rosa-luxemburg-49-44-22

«(…)A loita do KKE contra as teorías burguesas e pequenoburguesas sobre a cuestión da muller

Un aspecto da intervención política, ideolóxica e de masas do partido comunista é o seguimento, o estudo e a organización da loita ideolóxica ante a especialización da estratexia burguesa respecto ás mulleres, o que se reflicte nas resolucións da UE, da OTAN, da OCDE, de gobernos burgueses e outros mecanismos do estado burgués (administración local, educación, medios de comunicación etc.).

Este esforzo hoxe é máis esixente que antes, xa que o sistema de explotación levou a cabo unha modernización burguesa respecto a posición da muller, a través das leis que aprobou o seu persoal político, os gobernos burgueses, que camufla os problemas contemporáneos das mulleres novas e da maioría das mulleres dos sectores populares.

Toda esta modernización burguesa trouxo certos cambios para a traballadora, a empregada, a traballadora autónoma. Con todo, estes cambios levaron a cabo baixo a influencia das conquistas das mulleres nos países onde se construíu o socialismo, baixo a presión que exercían as loitas do movemento obreiro e de mulleres. Ao mesmo tempo, cobren ademais as necesidades da sociedade capitalista.

A medida que se desenvolvía o capitalismo, necesitaba mulleres con estudos para incorporalos na produción capitalista.

Pero ao mesmo tempo, ao utilizar as dificultades actuais das mulleres de combinar o traballo e o coidado do seu fogar, a UE, os gobernos, os empresarios capitalistas implementaron de maneira masiva e sen a reacción popular requirida, as relacións de traballo flexíbeis, o traballo a tempo parcial. En base aos seus datos, o 76% dos traballadores con traballo a tempo parcial nos países da zona euro son mulleres. Consecuentemente, as mulleres teñen salarios máis baixos que os homes, e pensións máis baixas.

Por que? Por que en maior medida, traballan como traballadoras non especializadas, porque traballan a tempo parcial, o que significa que reciben un soldo parcial, cobertura para a seguridade social parcial, en esencia unha vida parcial. Ademais, vense obrigadas a deixar o seu traballo para períodos máis longos durante a súa vida laboral, tendo a responsabilidade exclusiva para o coidado dos nenos e dos anciáns.

Hoxe falan da necesidade de que os homes participen máis no coidado dos nenos e o fogar co fin de promover a flexibilidade laboral nos homes tamén. No Parlamento Europeo, nos comités respectivos leva a cabo unha discusión sobre a “licenza por paternidade”.

Existe un interese particular por parte de organismos e alianzas imperialistas, como é a OTAN, o FMI e a UE, así como dos grupos monopólicos sobre a participación das mulleres nos chamados “Centros de Toma de Decisións”. É dicir que se aumente a porcentaxe das mulleres nos consellos de administración de empresas, en órganos do poder burgués, nos parlamentos nacionais. Desta maneira, non só absolven o sistema capitalista, senón que fomentan a oposición entre os dous sexos, esconden a contradición básica entre o capital e o traballo detrás da polarización entre homes e mulleres.

O criterio para a política e as posicións non é o sexo, senón os intereses de clase que serven.

De maneira correspondente, preocúpalles a participación das mulleres na dirección de empresas. Presentan como un exemplo que as empresas dirixidas por mulleres teñen un aumento de 6% nas ganancias anuais. As ganancias significan a intensificación da explotación dos traballadores da empresa, tanto dos homes como das mulleres.

Toda esta discusión é o cebo para a incorporación e manipulación sobre todo das mulleres novas con educación superior, das que os burgueses teñen a tendencia de utilizar unha pequena porcentaxe. A burguesía en cada país entende que debe formar un grupo dirixente de mulleres da gran burguesía que promoverá os seus valores e ideas, a ideoloxía burguesa entre as mulleres, ocultando os diferentes intereses de clase que teñen as mulleres (da clase obreira e das capas populares) das esposas dos seus explotadores.

Ao mesmo tempo tratan de implantar un compromiso coa selva laboral actual. Por exemplo, nun artigo de MANPOWER invoca a capacidade das mulleres burguesas de ter un horario de traballo máis flexíbel que non require a súa presenza física e pode ser unha función de administración.

Isto non é un problema para as mulleres de negocios senón para as mulleres novas investigadoras, as mulleres científicas asalariadas, as traballadoras especializadas, que están a ser privadas mesmo de dereitos fundamentais relacionados coa protección da maternidade, os permisos e os beneficios.

Ademais, unha investigadora que é nai onde deixará ao seu neno para facer unha investigación sociolóxica, non só bibliográfica, para pasar tempo no laboratorio, cando a infraestrutura social como as gardarías proporciona servizos mínimos ou carísimos. Neste sentido, o fenómeno do “teito de cristal” aínda existe.

Pero existen moitas maneiras para “ocultar” a raíz, a raíz clasista de todas as formas contemporáneas de desigualdade da muller que son extremamente perigosas para a loita de homes e mulleres no movemento obreiro e popular en base aos seus intereses de clase comúns.

Por exemplo, a opinión de que a desigualdade da muller é produto e creación da mentalidade dos homes chega á conclusión que as mulleres deben considerar como opoñentes aos seus maridos, aos seus irmáns, aos seus pais, aos seus compañeiros de traballo e non ao sistema que crea a desigualdade, a pobreza, o desemprego, a inseguridade para elas e para as súas familias.

Estas teorías e as prácticas políticas respectivas presentan como fonte da posición desigual da muller, o carácter específico das súas funcións biolóxicas e as diferenzas entre os dous sexos. Preséntana como unha cuestión de mentalidade, de comportamento, consecuencia do poder patriarcal. Consideran que as opinións e ideas dan lugar aos problemas sociais e que entre eles está tamén a cuestión da muller. En realidade, as ideas créanse sobre a base das relacións materiais da xente e reflíctenas.

En fin, chegan á opinión de que as discriminacións de xénero serán confrontadas mediante iniciativas lexislativas.

O KKE non subestima en absoluto o Estado, a educación, a Igrexa, os medios de comunicación, a política social que lexitiman a desigualdade no marco da sociedade. O feito de que as opinións erróneas respecto a posición das mulleres no mundo capitalista contemporáneo reprodúcense non só a través da postura dos empregadores nos centros de traballo senón ademais a través da postura, o comportamento dos homes nos órganos do Estado burgués, a través dos medios de comunicación, a educación, a través de dogmas relixiosos, non refuta o feito de que a fonte da desigualdade das mulleres é a división da sociedade en explotadores e explotados.

Por unha banda, están a ser reproducidos puntos de vista anacrónicos e reaccionarios que sobreviven até hoxe día, sobre todo en sociedades máis atrasadas ou en condicións de crise económica capitalista prolongada e de desemprego masivo. Segundo eles a muller debe estar atada ao fogar privado, ter como papel principal a maternidade, lonxe da produción e a actividade social.

Ao mesmo tempo, a propaganda burguesa nos nosos días, no nome da suposta “liberdade”, reproduce teorías que mesmo abarcan puntos de vista irracionais respecto a procreación e o parto.

As teorías sobre o xénero social preséntano como unha construción social, unha construción lingüística, como un papel que a sociedade asigna aos seus membros. Trátase de puntos de vista que nalgúns casos até non recoñecen as diferenzas de xénero entre homes e mulleres como un feito obxectivo, pondo a realidade cabeza abaixo. Non aceptan que existe unha base biolóxica para a atracción entre home e muller, e para a realización do acto sexual; ao contrario, defenden que a atracción é exclusivamente de carácter social.

O principal é que absolutizan a experiencia individual como fonte de coñecemento a expensas da experiencia e o coñecemento social, a realidade social.

Non pensan que a lingua reflicte a realidade, senón que a lingua constrúe a realidade; din que as identidades se constrúen a través da fala. Negan a existencia da realidade obxectiva, que existe independentemente do coñecemento humano e reflíctese por exemplo na experiencia e na linguaxe.
Por exemplo, a palabra é máis que un puro símbolo. Non é só un contrato para que nos entendamos. Ten unha base material e está ligada con relacións obxectivas e reflicte a súa base histórica. Cando nomeamos algo o facemos porque algo xa existe e non para crealo. Respectivamente, o significado expresa a relación obxectiva do individuo co mundo, a pesar de que se crea subxectivamente.

Deste xeito distorsionan a represión de clase e de xénero, e como consecuencia esmagan as necesidades sociais particulares das mulleres que emanan do seu papel na reprodución. Desta maneira ocultan o feito que os problemas na relación entre os dous sexos –problemas de comunicación e comportamento- teñen as súas raíces miles de anos atrás, na primeira sociedade clasista.

Mentres predomina a propiedade capitalista privada, seguirán reproducíndose o individualismo e o antagonismo, o modo de vida egoísta que ademais afectan á clase obreira, aos sectores populares e arruínan as relacións sociais, as relacións entre os dous sexos, as relacións persoais. O ánimo de lucro capitalista opera como incentivo económico a través da mesma institución da familia, reproducindo as coercións económicas, sociais e culturais. Na sociedade capitalista o que se regulamenta, mesmo a través da lei, son as relacións económicas dos pais cos fillos.

A organización da loita contra estas teorías –e coa práctica política baseada nestas- xunto coas elaboracións programáticas do partido comunista, utilizando a experiencia positiva e negativa da loita de clases, a construción do socialismo no século 20, poden elevar o noso esforzo a un nivel superior na loita ideolóxica, política e de masas, na organización de mulleres no movemento obreiro, de mulleres, no movemento popular en xeral. Como partido comunista debemos tomar medidas máis decisivas para o crecemento da súa militancia coa incorporación de obreiras, mulleres das capas populares, sobre todo mulleres novas, así como para a súa elección nos órganos do Partido.(…)»

Fonte: Revista Forxa

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s